Etiquetas

Moitas veces pregunteime porque consideraba tan necesario un galeguismo político, cultural e económico forte. Non é doado manter unha visión do mundo que non é maioritaria e que xera grandes controversias nun estado como o noso, sobre todo nun país coma Galicia no que parte da súa poboación vive, seguramente sen sabelo, completamente acomplexada sobre a nosa personalidade como sociedade chegando o punto de facer auténticos esforzos para parecer menos galegos.

Ven todo isto en relación a polémica xurdida estes días pola presenza dunha rapaza galega nun coñecido programa da televisión no que, publicamente relataba, sen sabelo, un a un os tópicos sobre o idioma e a cultura galegas. Vendo a escena da rapaza por internet eu pensaba “este é o porque, por isto temos que acadar un espazo ideolóxico común que proporcione orgullo de país, para que declaracións coma as desta rapaza sexan vistas como algo ilóxico e fora de tempo”.

Sempre me considerei galego o 100%. Galicia é o meu país e está integrada no estado español por circunstancias históricas e vontade propia. Moita xente dirá que, se a pertenza o estado español é  por vontade propia, non ten sentido falar de Galicia como pais ou facer da “visión en clave galega”, que a fin de contas é o que é o galeguismo,  o punto principal de  calquera ideoloxía política que pretenda defender esta terra. Porén eu creo que, precisamente por ser vontade propia, é polo que é preciso artellar ese nexo común a tódolos galegos que debería ser o galeguismo. Porque as vontades cambian e non podemos estar sempre supeditados a que as decisións que se tomen en Galicia se reformulen posteriormente en Madrid ou que os partidos estatais empreguen as súas seccións galegas para trasladar as leas que teñen entre eles deixando de traballar por Galicia e botándose en cara cousas que fan membros das súas mesmas siglas a mais de mil quilómetros de distancia.

Por isto, cando falo cos amigos e a familia sobre política, sempre acabo coa mesma reflexión interna “votade a dereita, o centro ou a esquerda da igual, pero facédeo en clave galega”. E o penso realmente porque ningún partido co centro de decisión fora de Galicia pode defender os nosos intereses. Por iso é preciso o galeguismo.

Advertisements