Etiquetas

Estamos asistindo a un momento que, dentro de non moitos anos, estudarase como parte da historia do mundo contemporáneo. A sociedade civil está farta e xerou unha onda expansiva que está facendo tremer os cimentos de tódolos réximes ditatoriais aliados de occidente. Porque, non nos enganemos, todos eses ditadores tan malos que agora vemos nos telexornais e dos que nos preguntamos como é posible que fagan sufrir o seu propio pobo dese xeito, eran ata antonte firmes aliados das potencias occidentais os que se recibía con todo tipo de fastos nas súas visitas a Europa e Estados Unidos. De ser heroes da loita contra o integrismo islámico relixioso a malos da película. Canta hipocrisía.

Non deberían, as sociedades desas nacións, cometer o erro de apoiarse no mundo occidental para levar a cabo esta transición cara a democracia xa que foron eses supostos “amigos” os que mantiveron no poder os ditadores a cambio do sostemento enerxético do primeiro mundo e outros intereses económicos e políticos.  Realmente é para reflexionar. Porque os nosos gobernos apoian, manteñen e asesoran ditaduras? Porque non se segue o mesmo patrón con todas? É mellor Gadafi que Sadam Hussein?.

Cales son os beneficios que obtiña occidente destes países? Vou intentar facer un pequeno resumo.

Exipto — O réxime da terra dos faraóns era vital como contrapeso da belixerancia habitual do mundo árabe contra o estado de Israel, o gran aliado dos USA na zona. Ademais controla o esencial paso de Suez que é totalmente estratéxico para o transporte do petróleo dos países do golfo pérsico cara Europa.

Libia — Gadafi prometeu conter a emigración cara Europa e aproveitamento dos recursos naturais do pais (gas, petróleo e minería). Ademais, e pese a ter o islam coma relixión oficial, o réxime mantén a vixilancia sobre o radicalismo relixioso.

Tunisia — O réxime pseudodemocratico do ex presidente Ben Alí, non tiña tanto petróleo como os seus veciños pero tiña unha boa estabilidade económica e permitíase a súa existencia para non provocar un incendio que se estendera pola rexión como finalmente sucedeu.

Alxeria — É un caso particular porque, a pesares de ter réxime multipartidista e democrático, ten limitadas as liberdades individuais para garantir a loita contra os grupos terroristas como Al Qaeda instalados na zona sur do seu territorio. A revolta neste país é mais de índole económica xa que a mocidade soporta unha taxa de paro moi elevada.

Marrocos — O país menos afectado polas revoltas. As que hai son de índole principalmente económica e a fidelidade o Rei Mohamed VI é bastante forte. É un grande aliado dos EEUU e as súas relacións con España e Francia son moi intensas comercial e politicamente.

Cal é a lección que podemos sacar de toda esta situación?. Penso que a mais importante é que non se poden impoñer os gobernos e os réximes políticos porque consideremos que son os mais adecuados. A democracia é o mellor de todos os sistemas políticos que existiron pero é a sociedade de cada pais a que debe reclamar eses dereitos. A historia deunos numerosos exemplos de que pese a existir ditaduras terribles no mundo, a democracia e a liberdade dos individuos, antes ou despois ábrese camiño.

Advertisements