Etiquetas

Pasado un tempo dende as eleccións municipais e en vista dos movementos que se están a producir dentro do BNG vexo a curto prazo unha fonda reestruturación organizativa e ideolóxica que suporá unha perda de apoios para as opcións nacionalistas dentro de Galicia no tempo inmediato pero que pode acadar por fin a sólida base necesaria para que a sociedade galega teña posibilidade de escoller entre diversas opcións políticas propias, restando protagonismo as sucursais galegas dos partidos españois.

Non é a miña intención facer unha critica “destrutiva” sobre o valor do BNG e o traballo realizado pola organización frentista a prol de Galicia, pero vexo evidentes signos de esgotamento interno froito sobre todo da diversidade ideolóxica que acollen as súas siglas e do control con man de ferro da organización por parte da U. Os movementos que se están producindo téñense que clarificar nunha escisión de forzas para a creación de novos partidos porque senón quedarán unicamente como unha reorganización do poder interno perdendo credibilidade diante da sociedade, e aquí non perde o BNG, perde Galicia.

Se todo segue o camiño que parece que vai seguir podémonos atopar cun escenario con diversas opcións de voto que podería parar a sangría de votos nacionalistas das últimas convocatorias. Vexo un escenario que abrangue os seguintes puntos

  • Voto de esquerda — Capitalizado polo BNG-UPG poderá ser o partido destinado a acumular o voto de esquerdas do país.
  • Voto socialdemócrata — Capitalizado pola corrente de +Galiza terá unha importancia vital na captación do voto da esquerda moderada xa veña dun arco nacionalista ou do PSdeG.

A maiores está a necesidade dunha cuarta vía, unha nova forma de facer política que debería estar representada pola democracia liberal de Converxencia XXI e a necesidade de contar cunha opción verde, un partido eco – social que aglutine o voto ecoloxista.

Mais complexo é o voto de centro dereita. Antano capitalizado en Coalición Galega a integración e disolución deste partido no PP durante o Fraguismo privou o país dunha das súas ferramentas mais útiles xa que é a que competiría directamente polos votos do PP, toda vez que este partido, profundamente españolista e centralista, vive dun caladoiro de votos tradicionalmente galeguista que por motivos que non debo tratar neste post seguen votándoo aínda que ten mais que demostrado que é o maior inimigo da identidade de Galicia como sociedade diferenciada e como país integrado no estado español.

Os primeiros pasos estanse dando. Converxencia XXI ven de acadar o seu primeiro concelleiro en Tui da man de Carlos Vázquez Padín e está a levar adiante un traballo de base importante para afianzarse como alternativa a longo prazo. É a nosa intención seguir medrando e presentando esa 4ª vía que nos diferencie das ideoloxías mais “clásicas”.  A alternativa de esquerdas estase xestando da man da Iniciativa Ben Común coa intención adicional de aglutinar as reclamacións do movemento dos “indignados”.

Na man dos responsables de cada movemento está que Galicia teña un arco político completo ou polo contrario pasemos a ser unha rexión mais do estado cunha asociación de nacionalismo e esquerda que significaría a nosa extinción a medio prazo como país, como consecuencia da perda total de forza política.

O tempo corre na nosa contra e Galicia non pode agardar mais.

Advertisements