Etiquetas

Moi mala nova para Galicia e para o noso idioma o peche do único xornal en galego que se podía comprar nos quioscos. Galicia Hoxe do grupo “El Correo Gallego” pecha as portas definitivamente por ser insostible economicamente o perder as subvencions. É a mostra clara e evidente que subvencionar as empresas permanentemente é unha practica moi negativa para a súa supervivencia económica xa que provoca unha insostible perda de competitividade.

Non son eu quen para sinalar as causas que motivaron esta creba pero si que podo dar as que eu penso que son as dúas claves que levan a inviabilidade proxectos coma o do xornal editado en Compostela.

  • Galicia Hoxe competiu en desigualdade xa que outros xornais que publican en castelán non só non perderon as subvencions do goberno senón que as viron incrementadas. Non é isto xogar coas cartas marcadas? Porque uns si e outros non?. O goberno do presidente Feijoo é o maior inimigo da identidade propia que coñeceu este pais, e a falsa austeridade que lle leva a retirar subvencions a medios como Galicia Hoxe ou A Nosa Terra queda en evidencia cando aumenta os cartos públicos destinados os medios de comunicación, profundamente galegófobos,  que o axudaron a chegar o goberno.
  • A sociedade galega tamén ten a súa parte de responsabilidade. Todos saímos a rúa para defender o noso idioma coas manifestacións convocadas por Queremos Galego, todos nos indignamos coas medidas solicitadas por Galicia Bilingüe e coas que toma o goberno, pero chegado o momento votamos, como sociedade, maioritariamente a opción mais prexudicial para a nosa cultura e mercamos os xornais en castelán.

Eu pregúntome sempre cal é o motivo desa xenreira que temos por nos mesmos. Porque optamos sempre polo de fora e non polo de aquí? Hoxe está moi ben que #GaliciaHoxe sexa TT en Twitter, e que todo o mundo diga que é unha pena e que hai que tomar medidas para que existan xornais en galego.

Porén no día a día é onde podemos exercer a forza precisa para que non perdamos a única sinal de identidade que temos como cultura diferenciada que é o noso idioma. Esixindo servizos en galego, reclamando que nos atendan no noso idioma e sobre todo, cando temos a opción de escoller galego HAI QUE ESCOLLELO. Na configuración do móbil, da tarxeta de crédito, das webs… sempre que sexa posible, en todos o ámbitos da nosa vida, e se realmente cremos no que dicimos, é o xeito de que o galego non morra como idioma e Galicia como país.

Cada día estou máis convencido de que a sociedade galega camiña con ledicia e conscientemente cara a autodestrucción, e sen ningún sentimento de culpa. Realmente somos un país de seres autodestructivos que se avergoñan de ser o que son e pretenden ser outra cousa.

Advertisements