Etiquetas

Xa hai un mes que voltou todo a normalidade pero aínda teño a sensación de hoxe vou cear na Trattoria San Lorenzo de Firenze. Foi unha viaxe incrible. Italia é un país que nunca deixa de sorprenderme cunha riqueza cultural fora do común, unha gastronomía marabillosa e un xeito de ser dos italianos que gusta ou non, pero que non deixa indiferente. Caos ordenado que lle chaman. Empezamos en Labacolla collendo o primeiro voo cara a Madrid onde, sen incidencias, collemos o enlace para o Galileo Galilei de Pisa. Todo con Ryanair, barato e sen problemas (¿Cuestión de sorte?). O caso é que sobre as catro da tarde dun venres tomamos terra na cidade da torre inclinada. Panino de prosciuto e mozarella para repoñer forzas e collemos o tren para Firenze. Sorprendeume moitisimo a excelente rede ferroviaria da que dispoñen na Toscana. Trens en boas condicións con moitas frecuencias e destinos a uns prezos dentro do razoable (5.90€ por persoa). En pouco menos dunha hora chegamos a estación de Santa María Novella no centro de Firenze e buscamos o noso hotel que estaba a pouco mais de dez minutos andando. Lembraba unha cidade moi doada de camiñar e foi xusto o que atopamos.

En canto o hotel (Hotel Basilea *** Vía Guelfa 41) o mais positivo foi a localización. Moi céntrico, podiamos chegar andando en cinco minutos a Piazza del Duomo, Mercato de San Lorenzo ou Galería da Academia. O trato do persoal de recepción tamén foi bastante bo. No lado negativo un almorzo buffet pouco variado e certa deixadez na limpeza do cuarto de baño.

Unha vez instalados, e solventada unha taxa adicional que tivemos que abonar (3€ por persoa e día),fomos percorrer os arredores da Catedral nunha primeira toma de contacto coa cidade. Piazza del Duomo e arredores teñen moita vida a calquera hora do día e, cansos do viaxe, aproveitamos para tomar unhas cervexas e descansar.

O sábado foi coma subir o Tourmalet en patinete. Nun afán de aproveitar o tempo o máximo, ou nun ataque de tolería, plantámonos na entrada da Galería da Academia as 08:00 da mañá para desfrutar dunha das grandes marabillas do arte, o David de Miguel Anxo. Nunca me cansarei de ver esa escultura. Sen embargo a academia agocha xoias coma as catro esculturas inacabadas de Miguel Anxo que iban destinadas a tumba do Papa Xulio II ou o Rapto das Sabinas, escultura de Jean Boulogne do século XVI. Saimos sobre as 10:30 e fomos xa para o Duomo a admirar a Catedral de Santa María del Fiore, a torre e o Baptisterio no que é a imaxe mais clásica de Firenze. Tomamos os marabillosos Gelatto florentinos nunha terraza con vistas a catedral e mentres planificabamos a tarde, que resultou ser igual de esgotadora. Esta incluiu unha extensa visita o gran museo de Florencia, a Galeria Uffizi. Digo extensa porque percorrer todas as súas salas leva case tres horas, pero merece a pena. Xa o edificio é unha construccion magnifica do século XVI pero a coleccion que alberga é incrible con obras de todos os periodos do renacemento toscano. Para rematar o día admiramos o Palazzo Vechio nas zonas publicas porque o gasto en entradas empezaba a ser esaxerado e paseamos polos arredores da Ponte Vechio, realmente precioso e con xente por todas partes a todas horas.

O domingo foi un día que parecía tranquilo e rematou coma unha proba de resistencia. En serio que temos que redefinir a nosa estratexia para as viaxes porque creo que isto non é san. Tocou visita a Palazzo Pitti (xardins boboli incluidos) e o parque Miguel Anxo. Todo isto atopase no barrio de Oltrearno polo que tocou camiñar e cruzar, unha vez mais, a Ponte Vechio para chegar o impresionante Palazzo Pitti, residencia da familia Medici durante séculos. Despois de pagar a consabida entrada (a verdade é que hai que pagar por todo) percorremos as estancias ata chegar a entrada dos Xardíns Boboli que resultaron ser enormes e, desgraciadamente, en pendente. Así que despois de percorrelos e descansar un pouco vendo o Museo da Cerámica (é curioso pero non aporta nada) saímos dos Xardíns pola Costa de San Giorgio e tomamos a sabia decisión de facer un alto para descansar e repoñer forzas porque o sol apertaba unha barbaridade. Foi a mellor decisión que puidemos tomar porque a subida cara o parque Miguel Anxo era digna dunha proba dos Ironman, pero mereceu a pena porque as vistas da cidade son impresionantes.

O luns decidimos facer unha excursión a Siena. É unha pequena cidade a 80 quilómetros de Firenze, moi ben comunicada por tren. O seu casco historico medieval é un dos mellor conservados de Italia é merece a pena visitala. A súa Piazza del Campo é unha vista magnifica e a Catedral, do século XII non ten nada que envexar as de Pisa ou a propia Firenze. Coincidiu a nosa visita cos días posteriores O Palio, unha carreira de cabalos (sen silla) que ten lugar na Piazza del Campo. É un autentico espectáculo no que compiten os distintos barrios de Siena e a cidade aínda andaba un pouco revolucionada. Non marchedes sen probar a pizza de salchicha picante, típico da zona e deliciosa.

O martes tocou recoller a equipaxe, despedirnos da capital da Toscana e coller o tren para Pisa. O noso avión saia o mércores moi cedo así xa tiñamos previsto pasar esa noite en Pisa. O hotel que collemos resultou incrible. O Royal Victoria compensou todo o malo que tiña o hotel de Firenze. Amplo, céntrico, antigo pero moi ben conservado e cun almorzo digno dunha comida de romaría galega. Pisa é unha cidade pequena, camiñase moi ben, é cunha importante vida universitaria. Por suposto está ateigada de turistas que acoden en masa para ver a coñecidisima torre inclinada, a catedral e o baptisterio mais grande de Italia. Se sodes un pouco friquis non deixedes de sacarvos fotos intentando suxeitar a torre, iso si con paciencia porque podedes acabar ata o gorro de sacar fotos. Polo demais non ofrece moito os turistas inquietos coma nos pero, dadas as excelentes conexions ferroviarias desta rexion de Italia, pode ser unha boa base para viaxar pola Toscana. Este foi o noso último día en Italia.

Xa non me enrollo mais, resumo todo dicindo que é unha viaxe mais que recomendable, se viaxades por cultura, gastronomía ou por simple festa a Toscana non vai decepcionar.

Advertisements