Etiquetas

Pronto será o II Congreso Nacional de Converxencia XXI e a importancia que ten para nos como organización é que debe darnos a estrutura necesaria para poder seguir medrando como partido e converternos nunha opción real o servizo de Galicia. Desgraciadamente non podo librarme dunha voda que tiña xusto ese día e non poderei asistir co resto dos compañeiros pero quixen deixar o meu gran de area.

Fíxeno en forma de proposta de emenda a organización territorial do partido, plantexando a posibilidade de que sexan as comarcas, e non os concellos, a base da nosa estrutura. Fíxeno coa crenza firme de que as comarcas naturais de Galicia son o mellor xeito de organizar territorialmente, xa non as agrupacións de Converxencia, senón toda a administración do país. Dividímonos actualmente en concellos e provinciais, sendo estas últimas a herdanza dun centralismo decimonico español, mais forte que nunca no estado e baseado na idea de que todo o que suceda nas “provincias” ten que pasar irremediablemente por Madrid. A existencia dun estado autonómico elevou o rango de inutilidade absoluta a existencia das divisións provincias convertendo estas administracións nun pozo sen fondo de cartos e recursos ademais de descubrir ante a sociedade, mansa sociedade no caso de Galicia, o artificial de tal invento.Pasarei de largo sobre o forte movemento centralizador que promoven certas correntes do nacionalismo español mais ultra cristalizado en grandes sectores do PPSOE, porque son o pasado e prefiro mirar cara o futuro.

A Mariña, Terra Cha, Costa da Morte, Bergantiños, O Salnés… As comarcas naturais de Galicia convertidas en centros xestores de servizos dos concellos membros, e cunha financiación dende a base, contribuirían mais que positivamente o vertebramento territorial do país e o que é mais importante, a facilitar os veciños e veciñas os servizos necesarios con calidade e rapidez. Neste punto é convinte aclarar que non se trata de pasar de catro a cincuenta e tres mini deputacions. Se nón de converter as cincuenta e tres comarcas do decreto 65/1997 da Xunta en entes coordinadores dos concellos membros obtendo a cesión por parte destes de certos servizos que mellorarían de ofrecerse conxuntamente.

Ocórrenseme centos de servizos como a recollida de lixo, transporte escolar, asistencia a dependentes ou cobro de certos impostos que poden ser xestionados de xeito conxunto por un ente comarcal que aglutine os concellos dunha área determinada favorecendo a calidade de vida dos seus habitantes. O impacto sería especialmente positivo no rural, que acusa unha forte despoboacion causada en parte pola falta de servizos que implica que moitos dos seus veciños teñan que emigrar cara as áreas urbanas onde si poden desenvolver as súas carreiras, criar os fillos ou levar a cabo os seus proxectos empresariais. Un mozo de Lalín tería que marchar da comarca do Deza se tivera uns bos servizos que lle permitiran desenrolar os seus proxectos?. Porque vai ter que marchar se dentro da súa comarca ten boas escolas, médicos ou infraestruturas?.

Politicamente é posible que para os partidos gobernantes, e venme a cabeza a Deputación de Ourense, non sexa rendible, pola perda de administracións controladas e das redes clientelares creadas o longo destes anos pero xa vai sendo hora de que os políticos pensen no que é mais positivo para Galicia e non para os seus petos e os seus intereses.

Advertisements