Etiquetas

Inauguráronse as novas instalacións do Aeroporto de Lavacolla cun custe de 200 millóns de Euros, unhas instalacións modernas e capacitadas para mover catro millóns de pasaxeiros o ano. O que debería ser unha gran nova para Galicia teño a sensación de que non vai pasar de ser un novo despilfarro de cartos públicos. Porqué? Porque estase facendo rematadamente mal como consecuencia dunha planificación feita desde Madrid e que se move a golpe de intereses partidistas, como demostran as futuras ampliacións de Alvedro e Peinador.

O paso fundamental que habería que dar para evitar as guerras localistas as que nos teñen acostumados os políticos que pululan por este pais e que o Goberno de Galicia acade a transferencia do aeródromo de Lavacolla para convertelo no aeroporto central de Galicia. Cobra especial importancia o cambio de denominación porque as envexas e as vinganzas son moi propios do noso xeito de ser. Aceptarían os localistas da Coruña e Vigo ter que coller un avión no aeroporto de Santiago para recochineo dos localistas compostelanos? Dubídoo moito.

Pero o paso definitivo que faría despegar esta nova instalación sería aproveitar as obras de electrificación e desdobramento do eixo atlántico ferroviario para que o novo aeroporto teña conexión por tren. No caso da miña cidade, a páxina web de Renfe oferta a viaxe A Coruña – Santiago en 6.05€ e 35 minutos de traxecto. Imaxinando que existira un liña directa para o aeroporto, alguén poría pegas en poder baixar dun avión e, desde o mesmo aeroporto, coller un tren que en media hora déixate nunha estación que en poucos anos aglutinará todos os medios de transporte?. Desde Vigo pasaría o mesmo, e co tempo e unha boa planificación, podería servir de punto de partida para artellar unha rede ferroviaria eficiente. Os cidadáns e as empresas de Galicia teríamos unha gran infraestrutura a nosa disposición. Cos cartos que se van a inverter en Peinador e Alvedro é perfectamente posible a conexión ferroviaria.

Sen embargo todo isto é un soño. Os políticos seguirán afondando no localismo que corroe Galicia e en próximas datas gastaranse algo mais de 200 millóns en ampliar outros dous aeroportos no pais para seguir fomentando a competencia entre nos e que acabemos tendo que coller enlaces en Madrid para voar polo mundo.

O paso final deste soño sería rematar coa xestión pública do hipotético Aeroporto Central de Galicia pasando a mans privadas en réxime de concesión, sendo a empresa adxudicataria a que negociaría coas compañías aéreas, rematando co bochorno do mantemento de rutas con cartos públicos, pero tal aforro para as arcas do Goberno pode causar estragos na saúde dos políticos que temos, que parece que se non despilfarran os noso cartos non se senten ben.

Advertisements