Etiquetas

Tivemos estes días unha polémica no twitter pola nula presenza do noso idioma na vida diaria do Deportivo da Coruña. Descoñezo os motivos que levan a Lendoiro, dirixente único do que é o representante mais importante e mediatico do deporte galego a nivel internacional, a ignorar por completo a lingua da sociedade que o sustenta pero comete, na miña opinión, un erro moi grave a nivel social e empresarial.

A nivel social porque son da crenza que as empresas ou agrupacións con repercusión teñen unha responsabilidade adquirida coa sociedade na que desenrola a súa actividade. O Deportivo é unha das grandes proxeccións de Galicia e da Coruña no mundo e fraco favor estalle facendo a nosa cultura e a nosa autoestima como sociedade, tan necesaria, desprezando o idioma propio. Non se pide moito, unha web trilingüe (galego, castelán e inglés), campañas de captación de socios en galego ou megafonía no noso idioma en Riazor como fan todos os equipos situados en territorios con lingua propia. Moi importante sería tamén a normalización da razón social do club acatando unha lei de toponimia de Galicia que incumpre de xeito vergoñento.

A nivel empresarial o Deportivo tamén está cometendo un erro grave. Para ben ou para mal Galicia ten o potencial que ten, a nivel demográfico e empresarial. A identificación do club coa Coruña e con Galicia fixaría unha cota de mercado propia que permitiría afrontar desde unha posición mais cómoda a dura competencia que hai nas economías do mundo do fútbol. Algúns sairán dicindo que iso é cerrarse sobre nos mesmos e que o que hai que facer é apostar pola internacionalización. Coa integración do galego na vida publica e diaria poderíase fidelizar a todo ese mundo emigrante, principalmente en Europa, que ten a súa vida diaria laboral en alemán, francés ou inglés pero que na casa fala en galego como é o caso da meirande parte dos emigrantes que temos repartidos polo mundo. Case un millón de potenciais “clientes internacionais” que sentiríanse mais atraídos pola camiseta de Riazor.

Só hai que darse unha volta por Riazor un día de partido para decatarse a importante presenza da nosa lingua entre os seareiros, galegofalantes nun porcentaxe maioritario (60-40 quizais?). A maioría das peñas teñen denominacións galegas e están xurdindo accións para esixir unha galeguización do club como é a iniciativa da agrupación Galegolab. Mal fariamos en desperdiciar todo ese potencial.

Sei que é falar por falar porque son tantas as cousas que a nivel profesional se están facendo mal no Deportivo e tantas as frontes abertas  que isto parece un tema menor. Porén o futuro do club depende dos seareiros e o mantemento e ampliación da nosa base social pasa por mais Coruña e mais Galicia, non por Madrid ou a “Region de Murcia” inda que converternos nunha copia da terra do mar menor sexa o obxectivo dos políticos que gobernan este pais.

Advertisements