Etiquetas

Co histórico comunicado do pasado día 20 de outubro a banda terrorista ETA remata con medio século de violencia e asasinatos que marcaron a vida contemporánea do estado español. Hoxe todos concordamos en que a violencia non é o camiño para acadar ningún obxectivo político e a sociedade en bloque denuncia e situase contra estas posturas. Porén non sempre foi así e ata hai relativamente pouco (en termos históricos) a organización terrorista gozaba dun amplo respaldo social e no seu propio nacemento participaron xentes que hoxe son firmes defensores dos valores democráticos. Para analizar a historia de ETA non chega coas liñas que escribo a continuación, tampouco o pretendo, pero con elas moitos poderedes ter un esbozo do que é a cronoloxía dunha organización que empezou loitando pola liberdade e na súa evolución rexeitou a paz e preferiu o crime e o sangue.

Na meirande parte do post refírome a parte da historia previa a transición xa que é esencial para poder entender, en parte, o arraigo social do que dispuxo a banda terrorista nos seus comenzos. Considero que é a súa etapa histórica, cun forte compoñente ideolóxico e de obxectivos políticos. A partires dos anos oitenta, coa estabilidade da democracia garantida, as accións da banda convertéronos en simples criminais, aínda que moi ben organizados e adestrados.

A matriz do que posteriormente sería ETA hai que buscalo nas agrupacións universitarias que se artellaban contra a ditadura fascista de Franco que gobernaba o estado en 1952, concretamente en Ekin fundado en Bilbao como grupo de estudo universitario. Pasados os anos, en 1956, esta agrupación fúndese con Euzko Gaztedi (EGI) a organización xuvenil do PNV, daquela actuando dende o exilio. Pronto xorden diferencias e en 1959 Ekin forza unha escisión do grupo converténdose en ETA, adquirindo un ideario marxista e apostando pola loita armada como medio para acadar os obxectivos plantexados.

É a partires da asamblea celebrada en 1964 cando ETA toma a decisión definitiva de orientarse cara a acción armada e catro anos despois, en 1968, reclama o súa primeira vítima de sangue, o Garda Civil galego José Pardines Arcay e ese mesmo ano, acadan o seu primeiro atentado de gran repercusión política, o asasinato do xefe da Policía Secreta da ditadura en Donosti. O apoio social co que contaba ETA nestes anos eran enorme porque era a cara visible da loita contra a opresión e ditadura franquista, e queda demostrado coas protestas e a corrente de opinión internacional, favorable, manifestada con claridade en 1970 durante o chamado “Proceso de Burgos” no que as penas de morte as que foran condenados varios presos etarras foron conmutadas pola forte presión política a que se veu sometido o franquismo.

A progresiva decadencia do franquismo, causada principalmente pola precaria saúde do ditador e a sensación xeneralizada de que o réxime remataría a non moito tardar, fixo aparecer as primeiras diferencias preocupantes para a unidade da organización no núcleo de ETA. En 1973 o sector obreiro e o sector militar están abertamente enfrontados. Foi precisamente este último grupo o que deciden actuar unilateralmente e dar un dos golpes de efecto mais fortes da banda. O asasinato en nadal de 1973 do almirante Carrero Blanco, home forte da ditadura, provoca a escisión definitiva do sector obreiro, constituíndo o Partido revolucionario dos traballadores vascos (PRTV). Esta escisión provoca a aparición dentro do aparato do grupo de dúas faccións:

  • ETA militar — que aposta pola loita armada como único medio
  • ETA PM — ETA político militar. Que quere supeditar a loita armada as decisións políticas.

Coa morte de Franco en 1975 o sector político-militar apoia a fundación dun partido político que represente o ideario da organización nas eleccións de 1977. É ai onde nace Euskal Iraultzarako Alderdia partido que, trala amnistía concedida polo estado español e aceptada polos seus membros, integrase en Euskadiko Ezkerra e este, posteriormente, no PSE.

Coa chegada da democracia ETA radicalizase e aumenta en número e intensidade os atentados terroristas con accións importantes durante os anos oitenta en Madrid e Barcelona que causan gran número de vítimas, moitas delas civís.A aparición dos GAL durante o goberno socialista en 1983 e as accións de asasinatos selectivos non fixo mais que radicalizar as accións terroristas chegando o seu punto mais álxido en 1997 co asasinato, logo de dous días secuestrado, do concelleiro do PP en Ermua Miguel Angel Blanco. A partires desa data o apoio social co que contaba a banda, aínda que xa estaba en baixada, sufriu un descenso inmediato facendo perigar a forza das súas posicións e desembocando na tregua de 1998. Durante esta tregua nomeada “indefinida” polos terroristas, producíronse negociacións co Goberno do Estado español, daquela en mans do PP, que o fracasar provocaron a ruptura unilateral da tregua en novembro de 1999.

A partires de aquí a presión policial e social intensificase, cada vez é mais frecuente que as accións dos terroristas sexan frustradas polos corpos de seguridade e ata na orbita política etarra pídese a superación do conflito armado. Nos atentados do 11-M en Madrid en 2004 o Goberno sinalou a ETA como autora da masacre e aínda que quedou demostrado que mentía por intereses políticos a equiparación das accións de ETA co terrorismo islamista de principios do século XXI foi o golpe definitivo para que na conciencia da sociedade se desterrara calquera mínima simpatía que quedara polos etarras.

En 2006 prodúcese un novo alto o fogo permanente por parte da banda que provoca a apertura de negociacións co Estado, dirixo xa por Rodríguez Zapatero. Sen embargo, ETA aproveitou para as negociacións para reorganizarse e rearmarse, rachando as negociacións co atentado no aeroporto de Barajas o 30 de nadal de 2006.

A partires desta data a presión policial intensificouse aínda mais caendo ata dúas veces a cúpula da banda en diversas operacións policiais e aio que levou a organización causante de 828 vítimas mortais a declaración este pasado xoves 20 de outubro de 2011 do cese definitivo das súas actividades terroristas. Co tempo poderase ver con maior obxectividade e datos a repercusión da violencia terrorista e poderemos intentar explicar como é posible que miles de persoas (Isto é unha realidade non nos enganemos) apoiaran a uns asasinos que rexeitaron a loita democrática para aterrar as vidas da maioría da sociedade vasca.

Advertisements