Etiquetas

Xurdiu estes días un debate no Twitter da man da sección de deportes da Cope en Galicia sobre se é o momento de que Augusto Cesar Lendoiro deixe a presidencia do Deportivo. Son deportivista desde sempre, socio e accionista (2 accións) e con trinta e tres anos que teño case non lembro outro presidente que non fora o de Corcubión. Se me preguntan como valoraría a súa traxectoria como presidente diría que é notable, próxima o excelente, a pesar dos erros de bulto cometidos nos últimos cinco anos, e as dificultades actuais polas que pasa a S.A.D. Se me preguntan se é o momento de que o control do club pase a outras mans diría que si, pero que non intenten converter isto nun debate sobre a necesidade de que Lendoiro dimita porque non van por ai os tiros. Explícome.

Un dos grandes problemas que tivo e ten o actual presidente é a necesidade imperiosa de protagonismo. Comigo ou contra min. Ese xeito de actuar creoulle moitos inimigos poderosos que afectan directamente o potencial do equipo, limitando as súas posibilidades de apoios dentro da Coruña e de Galicia, e hoxe en día pódese dicir que temos o inimigo na casa polo acoso de certos medios de comunicación, nomeadamente o Grupo Voz, e a limitación no acceso os recursos económicos os que podería acceder o Deportivo nunha situación normal.

A situación actual é que o Deportivo é un club presidencialista no que non se move nin un só papel sen a autorización do presidente e así, non é doado garantir a supervivencia da entidade. Precisamos unha organización profesional da estrutura da entidade (Estructura dun club de fútbol profesional) que achegue o club o século XXI e faga funcionar a maquinaria, cousa que agora vese lonxana polo control accionarial do que fai gala Lendoiro. Chegamos aquí o punto clave de todo este asunto. Sen entrar en debates sobre o oscurantismo da delegación de accións e dos procesos das xuntas xerais de accionistas (porque daría para debater anos), Lendoiro é o presidente do Deportivo porque así se decide ano tras ano polos propietarios da entidade. Poderíamos seguir eternamente co debate da permanencia ou non de Augusto Cesar Lendoiro a fronte do club pero a realidade é ben distinta. Desde hai anos temos inconclusa unha ampliación de capital por 60 millóns de euros. Se os “poderes” da cidade e do noso entorno, os empresarios ou os realmente importantes, os socios, están tan en contra da xestión de Lendoiro que acudan a esa ampliación. Tendo en conta que o capital social actual do club é de aproximadamente seis millóns de euros, conque un grupo acade unha cantidade superior a esa tería garantido o control da maioría accionarial do club e por tanto do consello de administración. O Deportivo é unha Sociedade Anónima polo que o que ten o control das accións ten o control da entidade asi que abandonemos as demagoxias baratas e debates estériles e digamos as cousas con claridade. O Deportivo está controlado por Lendoiro porque ten delegadas a maioría das accións. Se alguén o quere botar, que se faga co control accionarial. Nada mais. O resto é falar por falar.

Advertisements