Etiquetas

Non tiña pensado pero, despois de ler moitos comentarios do microcosmos nacionalista, quero facer unha pequena reflexión sobre o futuro político de Galicia como país e a responsabilidade do nacionalismo na nosa debilitada posición actual como nación.

Galicia como país, está na UCI, moribunda. Un tsunami en forma de voto conservador español leva anos arrasándoa. Pero non porque o nacionalismo español de extrema dereita que representa o PP sexa unha opción ideolóxica maioritaria entre a nosa sociedade, senón porque a propia sociedade non foi quen de artellar as ferramentas necesarias para poder defenderse politicamente e acaba cedendo e confiando a súa representación a partidos que, aínda que están compostos por galegos, non teñen poder de decisión real xa que non son mais que sucursais. Son como oficinas bancarias. Xestionan a túa hipoteca, pero a decisión de concedercha ou non é da central.

Que cota de culpa ten o que se denomina nacionalismo?.  Para min case toda. Porqué? Porque despois de trinta anos de democracia segue enrocado nunha sorte de “fronte popular” para a liberación nacional preocupado polas súas loitas internas para acadar cota de poder no seu propio mundo sen nin tan sequera achegarse a comprender a evolución da sociedade galega neste tempo. Xa non chega con ondear a bandeira do inimigo fascista. Xa non é preciso loitar por asentar un sistema democrático é obter o autogoberno. Xa o temos. Precisamos goberno e xestión. Que miren os nosos intereses para que as nosas empresas poidan xerar riqueza aquí. Falarei con nomes e apelidos dos dous únicos partidos galegos que concorreron as eleccións.

O BNG fracasou estrepitosamente na convocatoria electoral de onte. Aspiraba unicamente a manter a cota de visibilidade (nin tan sequera de poder ou de representación). Os dirixentes da fronte están falando de grandes resultados cando a realidade é que perderon 70.000 votos, acentuando o seu afundimento na marxinalidade. Cónstame que dentro da propia organización do bloque hai moita voz critica que vai na liña que estou expoñendo. Non chega. No próximo congreso do BNG teñen a oportunidade de tomar a única decisión posible se pensan en clave nacional e non en clave partidista. Marchar e crear unha nova opción.

Converxencia XXI foi o outro partido que se presentou en Galicia. Loxicamente non é posible sacar conclusións sobre os seus resultados, pouco mais de catro mil votos entre Congreso e Senado. Sen embargo é mais que positivo que, por primeira vez en moitos anos, aquel que quixera votar en clave galega non tivera que recorrer si ou si o bloque. En aínda non tres anos de vida, o partido da chorima xa concorreu a dúas convocatorias electorais e terá unha gran proba nas eleccións nacionais de 2013. Sen case recursos e pouco a pouco estase facendo un oco que terá que dar resultados, por mínimos que sexan, a non moito tardar.

Que conclusión sacamos? Que estamos en horas criticas. Moito mais do que dirixentes políticos, preocupados pola súa cadeira mais que por ser útiles a un país que esmorece, queren recoñecer. O BNG ten que escoller o seu camiño. Refundación en partido de esquerdas ou marxinalidade e desaparación. Hai algo que repito como un mantra e que cada día colle mais forza e veracidade. Galicia precisa variedade de opcións propias. Temos exemplos nas outras nacións do estado con PNV e Amaiur no País Basco e CIU e Esquerra en Cataluña. Un parlamento con tres únicas forzas non é representativo dun país. Si que o é dunha colonia. Unha aposta polo pluralismo política feito desde Galicia e para Galicia. Non é un nos contra eles. Non é España contra Galicia. É Galicia e o seu futuro. É unha posición común en tres puntos clave como son identidade, lingua e organización territorial, e a partires de aí que cada un defenda as súas ideas e que a sociedade valore e decida. Pero se pomos tódolos ovos nun so cesto o risco de que rompan é enorme, e entón non habería volta atrás,

Advertisements