Etiquetas

,

Levaba días sen escribir no blog. Entre a pereza das vacacións e certos problemas coa conexión a Internet da casa (incribles no século XXI) fixeron que o fora deixando de lado pero unhas palabras do alcalde da Coruña, Carlos Negreira, déronme o empurrón definitivo para volver a cumprir co compromiso comigo mesmo de escribir polo menos unha vez a semana.

Resulta que despois de once anos de obras e pelexas entre administracións abríronse os primeiros tres quilómetros da Terceira Ronda coruñesa. Unha vía que está chamada a ser a gran vía de entrada na cidade e parte principal da solución os constantes atascos da capital herculina. A súa apertura trouxo consigo o tradicional e totalmente prescindible acto de inauguración político, con todo o boato posible, e é aquí onde o novo alcalde da cidade pronunciou as palabras que me irritaron sobremaneira. Nelas, Carlos Negreira pedía o Goberno Central que:

«priorice ese tramo para que los coruñeses podamos venir desde Madrid a la ciudad sin peaje alguno»

Resulta que para o alcalde da miña cidade o realmente importante non é rematar cos atascos, favorecer a mobilidade, rematar co asentamento chabolista de Penamoa ou abrir unha nova circunvalación que impulse o carácter metropolitano da Coruña. Para el o importante era que se puidera chegar gratis desde Madrid. Días despois enterome polos xornais que o presidente Feijoo aposta por que o sector turístico redeseñe a política aeroportuaria de Galicia (outro desproposito do que xa falei noutro post titulado Aeroportos: Un novo despilfarro). Non lle pregunta os sectores económicos estratéxicos para Galicia como o téxtil, a automocion ou o noso potentisimo sector pesqueiro. Non me entendades mal, o sector turístico é moi importante para a nosa economía, pero é un sector cun forte compoñente estacional que non chega, nin de lonxe, a importancia dos demais sectores que nomeo.

Se xuntamos a isto a obsesión polo TAV (tamén para ir e vir de Madrid), e as palabras do Conselleiro de Infraestruturas na inauguración da nova terminal do aeroporto de Compostela nas que afirmaba que «al final de lo que se trata es de que un ciudadano que está en Barajas puede venir comodamente a Galicia» creo que deixa mais que claro que tanto a PP como a PSOE as infraestruturas galegas impórtanlles o mesmo que cría de corvos na Guinea Ecuatorial. O único que buscan é converter Galicia nun bo lugar para descansar, onde se come de vicio e hai praias fantásticas. En definitiva algo como «Marina d’Or -Ciudad de Vacaciones»

Advertisements