Etiquetas

Esta xornada da segunda división deixounos unha inesperada derrota do Deportivo e unha vitoria do Celta que favoreceunos bastante xa que permite que, pese a perder, manteñamos a distancia co 3º clasificado ou o que é o mesmo a dos postos de ascenso directo.

Con estes resultados que manteñen a Depor e Celta 1º e 2º respectivamente volveron a xurdir, polo menos en Twitter, moitos comentarios do estilo, “ogalla suban os dous”, “quero que suban os equipos galegos” ou o incriblemente demagóxico e orixe deste post “É de bo galego querer que suba o Celta e o Deportivo”. Perdón? Imos por partes.

Para empezar o fútbol é fútbol, non política. Polo menos o fútbol de clubs. Todos os que me listedes algunha vez ou os que me seguides polo Twitter sabedes cal é a miña opinión respecto a Galicia. É o meu pais, así o sinto e así o defendo. O equipo que debe, ou debería se a deixaran competir, representar a Galicia é a Selección Galega. Porén, o fútbol de club, sobre todo nos mais senlleiros, implica un sentimento polo escudo e as cores que vai mais ala de toda lóxica. Riazor é unha mole de cemento pola semana pero cando xoga o Deportivo é un ente vivo. Todos os que vamos os partidos formamos parte del e vémonos absorbidos pola maxia de ser deportivista. Por iso non entendo como se poden mesturar as cousas proclamando os catro ventos que ogalla suban Deportivo e Celta. Fagamos unha pequena reflexión sobre rivalidades futbolísticas.

  • Imaxinamos un hincha de River desexando que Boca gañe a Libertadores?
  • Imaxinamos un aficionado do Atlético de Madrid proclamando que quere que gañe a Champions o Madrid porque é un equipo español?
  • Imaxinamos algo parecido nun Sporting de Lisboa-Benfica?

Exemplos no mundo do fútbol sobre o que son as rivalidades temos moitos. Celtic-Rangers; ManU-City, Milan-Inter, Barça-Madrid ata un Atlético de San Pedro-Hércules. Os stukas queren que o Atlético se manteña na 2ª autonómica? Todos son de Oleiros. Podedes crerme, impórtalles ben pouco, o que queren e salvarse eles con toda a lóxica do mundo. Por iso o eterno rival, pese a que non me importe a súa clasificación na liga, pode considerarme o seu benfeitor porque, como dixo Moe nun capitulo dos Simpson, non lle desexo ningún mal concreto. Asi que, perdóenme vostedes, eu quero que suba o Deportivo e quen nos acompañe neste ansiado ascenso dáme exactamente igual. Se sube o Celta? Parabéns para eles, pero non vou ser eu o hipócrita que diga que quere que suba canda nos porque, sinceramente, non me importa.

Advertisements