Etiquetas

Respecto. Respecto futbolístico. Polo equipo, polo campo e polos seus seareiros. Parecera unha parvada pero é unha das cousas mais importantes no mundo do fútbol. Un club pode perder partidos, pode ter tempadas boas ou malos que cumpran ou non as expectativas creadas, pero o que nunca pode perder é o respecto dos seus rivais. Non se pode pasar dun “Ollo, que xogamos en Riazor contra o Deportivo” a un “Respectamos o Deportivo pero a Riazor imos a gañar”.

Os grandes éxitos do Deportivo nos últimos vinte anos xurdiron, ademais de por ter grandes planteis, porque lle perdemos o respecto futbolístico os rivais. Porque asaltabamos os grandes estadios europeos sen complexos, conscientes da grandeza dos nosos rivais e da repercusión das nosas vitorias. O todopoderoso Real Madrid chegaba a Riazor ano tras ano derrotado antes de xogar. Sabían o que había, Un equipo e unha bancada cunha unidade case que indestrutible que funcionaban coma un todo e que se enfrontaban a eles coa vitoria como único obxectivo. Nos dous ou tres últimos anos en primeira os equipos e as aficions rivais fóronnos perdendo ese respecto. A Riazor viña calquera “cheiñas” con ansias de vitoria e coa consumación do descenso a segunda división parecía que se nos subían as barbas en calquer campo.

Porén as cousas mudaron e hoxe en día, o mellor porque nos mesmos estámonos volvendo a respectar, volvese sentir ese luz sobre nos. Somos o R.C Deportivo da Coruña, un club campión de liga, unha aficion entregada en cada partido cunha devoción polo escudo e a camiseta que roza o integrismo relixioso, e iso reflíctese no campo. Todos veñen a intentar gañarnos pero ese respecto que estamos recuperando fai que inconscientemente non lle dean importancia a unha derrota contra o Deportivo. E por iso, ademais de ascender, é imprescindible que o Deportivo sexa campión este ano. E un campión sólido, coa maior cantidade de puntos posible. Porque se todo vai como agardamos e acadamos o ascenso, o ano que ven ímonos atopar con moitos equipos que xogarán contra nos sen ese respecto futbolístico e hai que deixar claro que, gañando ou perdendo, o Deportivo está de volta.

Moitos diredes que co escudo non se gaña, e é certo. Pero non é o mesmo pensar que xogas contra outro club mais que pensar que enfronte tes o Deportivo, un equipo que baixou con mais puntos acadados que ninguén na historia e que só unha tempada despois ascendeu, como campión, con mais puntos que ninguén na historia, e que a nos hainos que ter respecto futbolístico. Porque o merecemos e porque o demostramos.

Advertisements