Etiquetas

,

Esta fin de semana escenificouse a última escisión do BNG durante o IX Congreso do PNG-PG con mais dun 70% dos votos a favor. Desde o congreso de Amio no que se reafirmou a prevalencia da UPG sobre o resto de partidos que conformaban a fronte nacionalista a ruptura foi total e moitas as escisión, pero a do PNG abre unha posibilidade que ata o de agora non se albiscaba entre as siglas que xa marcharan. En Galicia desde os tempos de Coalición Galega sempre se botou en falta un partido de centro que rompera o monopolio e identificación do nacionalismo=esquerda e que equilibrara a loita entre partidos españois e galegos. Coa marcha do PNG-PG ábrese a posibilidade de conformar unha nova forza que aglutine o voto nacionalista non de esquerdas nunha franxa ideolóxica que actualmente está extremadamente fragmentada e sen posibilidades de ningún tipo.

Cónstame que hai conversas entre as partes e posibilidades diversas e gustaríame que os responsables dos minifundios nos que se divide o nacionalismo de centro tiveran altura de miras abondo para acadar os acordos precisos que sentaran as bases dunha nova forza con posibilidades de futuro, e aquí ben a chave do asunto. Vexo pouco factible a formación dunha gran coalición, a historia recente demostrounos a forza que teñen os personalismos neste pais e o único xeito de rematar coa sangría de esforzos é rematar cos reinos de taifas.

“Este é un pais de leiras, para todos os aspectos da vida”

É ben certa a definición que un mestre da universidade deume unha vez como explicación do fracaso constante de Galicia en política. Somos un pais de leiras. Cada un quere ser rei da súa parcela sen importarlle o que pase coa do veciño e sen decatarse da forza que poderían ter se esqueceran os personalismos e traballaran xuntos. A presencia de persoeiros de certa relevancia  (Teresa Táboas, Rafael Cuiña ou Perez-Bouza) e de delegacións doutros partidos no congreso fai pensar que desta vez pode xurdir algo novo. Por iso pido que se fale o que se teña que falar pero de tomarse a decisión de unir o centro nun novo proxecto este ten que vir da unidade. Ten que fagocitar a sopa de letras que existe actualmente para construír unha base forte que aguante as dificultades que virán e que non van ser poucas.

A posibilidade témola, e compre lembrar que Galicia está ante a derradeira posibilidade de saír da UCI política na que se atopa como un pais superando o virus “regionalista” polo que ingresou e do que non se da recuperado.

Advertisements