Despois da Conferencia Política celebrada por Converxencia XXI o pasado mes de marzo en Compostela tomei a decisión de causar baixa na afiliación deste partido. Os motivos son exclusivamente ideolóxicos xa que o trato recibido tanto polo resto da afiliación como polos membros da executiva foi magnifico nos case dous anos que permanecín como membro do mesmo.

Dicía que os motivos foron exclusivamente ideolóxicos e hai que sumalos a un intento de coherencia pola miña parte. Sempre defendín a necesidade que que os que considero os tres puntais da sociedade do benestar como son sanidade, educación e servizos sociais non foran só de balde, universais e de calidade senón que foran tamén de titularidade e xestión pública. Considero que a introdución de empresas privadas na xestión destes tres servizos non faría mais que empeorar a súa calidade xa que, con toda a lóxica do mundo, unha empresa privada busca obter beneficios e creo que con estes tres piares dos que falo non se pode especular.

Na Conferencia Política de Converxencia aprobouse unha liña que defendía a introdución de xestión privada nos servizos sociais, o cheque escolar para as centros educativos (sexan públicos ou concertados) e a prestación de servizos médicos por hospitais privados. Toda vez que isto para min supoñía sobrepasar unha liña vermella no meu xeito de pensar, e por coherencia co que defendía e defendo optei por causar baixa neste partido.

Dito isto non podo mais que desexarlle toda a sorte do mundo a Converxencia no afianzamento do seu proxecto porque, pese a non concordar coas propostas, considero que é esencial a existencia en Galicia dun partido das súas características para a normalización da vida política do pais.

Advertisements