Etiquetas

Teño que recoñecer que ando moi preocupado pola situación actual do galeguismo político. A posibilidade de crear unha opción política nacional que complemente o BNG polo centro e plante cara os partidos españois e o fondo proceso de regionalizacion no que nos teñen inmersos estase desinflando segundo pasan os días, e as posibilidades de artellar esa tan necesaria ferramenta estanse encollendo.

Encontro Irmandiño, +Galiza, Acción Galega e parece que tamén os partidos de centro que ata o de agora estaban presentes no chamado Foro pola unidade impulsado por Converxencia XXI levan xa varias semanas de conversas estériles para a formación definitiva do novo proxecto que se presente as eleccións. Polo que se ve nos xornais, nos foros e nas redes sociais a gran dificultade coa que se están atopando os impulsores do NPC é Encontro Irmandiño. A corrente liderada polo profesor Beiras ten unha visión distinta sobre os tempos cos que se traballa e tamén sobre a orientación que debería levar a hipotética nova formación.

Vexo moi complicado que unha esquerda pura como a que defende o carismático Beiras, sen dubida referente histórico do nacionalismo, poida concorrer na mesma plataforma que opcións de centro e de socialdemocracia polo que non entendo as reticencias do resto de formacións a seguir o proceso sen eles. É mais, creo que o EI acabará confluíndo coa esquerda soberanista que actualmente está atomizada en moitos grupusculos minoritarios dos que algún deles ata rexeitan entrar no sistema político. Linlle o ex-senador por Ourense do BNG, Xosé Manuel Perez Bouza no seu perfil de Facebook que tamén el está vendo que o tempo estásenos escapanda das mans e que so temos unha oportunidade para conformar unha alternativa de goberno e que poida dar solución a situación de emerxencia nacional na que estamos inmersos.

Vivimos tempos moi complicados para Galicia en tódolos ambitos e agardo que finalmente chegue o acordo que permita dar opcións a sociedade para saír da gravísima situación na que nos atopamos. Como escribiu Perez Bouza no seu perfil, non hai tempo que perder.

Advertisements