Etiquetas

,

Seguimos a voltas cos movementos do nacionalismo e o pasado martes tiven a oportunidade de asistir a presentación de Compromiso por Galicia na Coruña e falar nos instantes previos o acto con varios dos organizadores. Foi un acto cercano, nada “enlatado”, e que se prestaba a interacción cos conferenciantes que foron Pablo Gonzalez Mariñas, Manuel Dios, Xoán Bascuas e Rafa Cuiña. Cada un aportou cousas interesantes sobre todo Gonzalez Mariñas que me pareceu un referente importante no pensamento sobre o que debe traballar o CPG. Galicia como causa de todo e para todo, esa foi a frase que me quedou gravada da súa intervención e que será o eixo sobre o que se construirá este novo partido. Manuel Dios atopeino excesivamente idealista, menos asentado no que a sociedade galega require e mais na necesidade de transformación do sistema no que vivimos. Interesante, sen dubida necesario, pero alonxado do que eu buscaba atopar neste intre. En Xoán Bascuas foi onde atopei o mais político de tódolos participantes, cun discurso moi ben traballado e moi ben orientado, falando de políticas para a Galicia real e renegando dun dos grandes erros do nacionalismo moderno que non é outro que dirixir a conciencia do pais en vez de preocuparse por entender a nosa realidade.

A Rafa Cuiña tiña gañas de escoitalo polo chamativo da súa folla de ruta. Ex-afiliado do PP con sentimento nacionalista do que, teño que recoñecelo, receei moitísimo da súa implicación. Moi trabucado andaba. Vin en Cuiña a un dos promotores de Acción Galega que conseguiu aglutinar o centro nacionalista que estaba espallado en mil partidos. Creo que mellor impresión non puiden levar.

Todos coincidiron nunha cousa que xa me confirmaran as persoas, principalmente de AGA, coas que falara antes de comezar. O obxectivo é un partido de adscrición individual coa pretensión de que vexa a luz durante o mes de xullo e se poida presentar unido e forte as proximas eleccións nacionais. Sobre o tema de Encontro Irmandiño e a súa interminable asamblea tamén saquei algo claro, e vaia por diante que isto é unha impresión persoal miña. Agardarase por eles pero non eternamente e non todo vale. Compromiso ten a súa folla de ruta e os seus tempos e estes pasan polo próximo mes de xullo. Basicamente confirmei a impresión que xa deixei no post anterior Compromiso por Galicia e NPC. Xuntos pero non revoltos. Non vexo posible a integración en Compromiso de EI pero si vexo factible, ainda que complicado, a formación dunha coalición electoral. E digo que a vexo complicada porque as asambleas do NPC está collendo un xiro soberanista que non o vexo confluíndo coa liña que observo no CPG. No meu caso vexome moi próximo a Compromiso e nomeadamente a unha das súas partes, Acción Galega aínda que se todo segue pola liña actual, as tres partes que forman o CPG (Ecosocialistas, +GZ e AGA) diluiranse nunha única organización.

Seguiremos os acontecementos.

Advertisements