Etiquetas

,

Deportivo 2 – Osasuna 0

Empezamos ben no retorno a primeira gañando relativamente cómodos a un equipo da nosa liga e con boas sensacións. Vin un Deportivo ben armado, con velocidade arriba e coas ideas claras atrás pese a que faltaban dous xogadores que, para min, son titulares indiscutibles como son Ze Castro e Laure. No medio, Oltra apostou por Abel Aguilar en detrimento de Alex como parella dun Juan Dominguez que parece indiscutible para o míster. A verdade é que o colombiano ten moitísima presenza no medio e ten pinta de que vai ser un habitual dos onces aínda que é cedo para valorar “titularidades”.

En ataque estivemos un pouco atascados polo medio pero bastante ben nas bandas. Bruno, aínda que non brillou como outras veces, ten ese poso de fútbol enriba que di que, se non se pode desbordar, hai que combinar e moito do perigo do equipo veu pola súa participacion na elaboración das xogadas. Arriba tivemos o de sempre, Riki. Xa poden vir dianteiros a moreas que Rikikiller sempre xoga, e xoga coma sempre. Traballa na presión, intenta sempre o desborde e busca portería. Logo ten as súas cousas, como fallar penaltis no minuto 45 do primeiro tempo, pero hai que querelo así. Resarciuse cun bo gol, de 9. Encara dentro da área e dispara. Certo que non foi un gran tiro pero outro día sae un mísil, o importante é que está con confianza e que vaino seguir intentando.

Deixo o mellor para o final, porque a participacion de Nelson Oliveira encantoume. Xa non so polo gol, golazo, que meteu senón tamén polas sensacións de dianteiro que deixou. Xiro e tiro, amago e pase, amago e tiro e sobre todo unha presenza física importante que se viu con claridade na xogada do seu gol no que, o primeiro que fai, é aguantar o choque de ombreiros co xogador de Osasuna sen que o desprace nin un milimetro para arrancar con potencia cara portería e definir marabillosamente. Golazo de figura e ilusión nas bancadas.

Como apuntamento final só dicir unha cousa. Hai plantel. Parecerá unha parvada pero Oltra vai ter moito onde escoller para o equipo titular e cando teña que mirar o banco vai ter opcions. Por aí empezase a gañar a permanencia.

Xornada 1
G 1 P 0 E0
3 ptos, GF 2 GC 0
3º Posto

Nota do equipo: 7 sobre 10

O figura: Nelson (con permiso de Riki)

O carallo: Manuel Pablo

 

 

 

 

 

Advertisements