Etiquetas

Vin a descomunal manifestación de onte en Barcelona con certa envexa. En comparanza co que temos e facemos en Galicia o de onte parece unha película de ciencia ficción de Hollywood con presupostos multimillonarios, George Lucas de produtor e Spilberg de director (ou viceversa).

Non vou entrar en temas de índole política ou posicionarme a favor ou en contra porque, sinceiramente, impórtame ben pouco. É ben sabido que non son defensor da unidade inquebrantable da patria que defende o nacionalismo español, que é moito e de diversa ideoloxía, nin tampouco son defensor de radicalismos de certos sectores que apoian sen reservas todo o que sexa ir contra España. Considerar que Galicia é o meu pais non implica ser automaticamente antiespañol. Non sinto nada por España, nin a favor nin en contra e non vou ser eu o que celebre éxitos alleos como propios. O único que me preocupa dos movementos a prol da independencia no Pais Basco e Cataluña é que afecten a Galicia. Certo é que, dicía o principio do post, vexo este proceso con certa envexa non pola opción da independencia, aínda que a valore moito, senón pola forza que exerce a sociedade para defender o seu feito diferencial e o seu sistema económico e social.

Son consciente, moito, de que por motivos diversos a nosa realidade non pode aspirar a semellante demostración de orgullo e identificación co pais, e probablemente non sexa ese o obxectivo o que podemos aspirar a medio prazo. Tampouco creo que sexa Cataluña un espello para mirarnos porque a realidade económica e social de Galicia é moi distinta, e as nosas necesidades tamén. Sen embargo si que aspiro a esas ansias por ser, esa ambición para levar a Galicia a acadar a fortaleza económica que merecen as nosas empresas, a evitar a confrontación con algo tan importante como é o noso idioma e que todos sexamos conscientes do seu valor e o defendamos ante os ataques que recibe, que son moitos.

Dicía nun post anterior que Feijoo é o maior desgaleguizar do pais desde os Reis Católicos de Castela. Tamén é o maior inimigo das nosas institucións as que ningunea, convertendo o goberno de Galicia nunha simple administración mais, coa escusa da crise. O seu seguinte paso será devolver competencias o estado coa escusa de aforrar e o obxectivo de centralizar. Esa ambición da que falaba unhas liñas mais arriba é hoxe mais necesaria que nunca porque é a única que pode evitar que Galicia se dilúa como se fose azucre no café, perdendo a súa historia, cultura, lingua e identidade, que son milenarias. A partir de ai xa se verá…

Advertisements