Pedinlle a xornalista Silvia Carregal (@scarregal) que me fixera un artigo sobre os eleccions en Galicia para publicar no blog a modo de colaboracion. Son un pouco freaki, xa sei. Coñecin a Carregal nunhas ceas tuiteras hai case un ano e desde ai seguimos en contacto, traballou en varios medios de comunicacion, entre eles o defunto Xornal de Galicia e valoro moito a sua opinion. O caso é que Silvia aceptou de boa gana e aproveitamos hoxe, derradeiro día de campaña, para publicalo. 

Disque a hipersegmentación da esquerda en Galicia coloca alfombra vermella a Feijóo para repetir ao fronte do Goberno autonómico logo dos comicios do 21 de outubro.

A mesma capacidade de autocrítica da que fai alarde o votante de candidaturas progresistas ou de esquerdas (chámenlles como queiran) é unha das súas maiores fortalezas, pero tamén é onde residen a súas feblezas. Perdéndose nas diferenzas, esquécense os comúns denominadores. O resultado é que as opcións políticas dan en fragmentarse até o extremo como ten acontecido en Galicia. O abano resultante é amplo: PSdeG-PSOE, BNG, Alternativa de Esquerdas, Compromiso por Galicia… Moitos analistas opinan que o resultado máis previsible é que ao fío do dito ‘divide e vencerás’ o PPdeG será o gañador nas eleccións do 21O.

A división ou a fragmentación de candidaturas na órbita do progresismo ten dúas lecturas. Por un un lado, haberá votantes que vexan nas novas formacións unha opción válida e atractiva. Poida que por ese motivo acudan a votar cidadáns que non tiñan pensado facelo. E por outro, acadar escanos farase moito máis costa arriba para as formacións ou coalicións que concorren por vez primeira ás eleccións galegas.

O adianto electoral colleu á oposición a contra pé e a aritmética electoral galega é complicada. Movémonos nunha pinza na que un deputado arriba ou abaixo para o PPdeG mudaría radicalmente o Goberno galego. Un deputado decide unha maioría absoluta dunha forza de dereitas ou un posible pacto múltiple entre diferentes partidos de corte progresista.

A principal pregunta é se esa esquerda fragmentada é capaz de amosarse diante do electorado coma unha opción alternativa fronte ao actual Goberno?

A cuestión secundaria sería proporlle a esa oposición que faga exame de conciencia, xa que, si é unha alternativa como conxunto, faise complicado explicar por que foi tan difícil que os pactos se produciran previamente ao paso polas urnas.

Acudir da man podería ter garantido unha maior representación. Aínda que tamén é certo que se fose doado que fixesen forza común para presentarse ás eleccións, non se terían segmentado previamente, o que nos devolve á primeira reflexión: poderán ter un discurso común como Goberno e saberán entenderse se lles toca facelo?

COINCIDENCIAS E DIFERENZAS

As forzas da oposición a Núñez Feijóo, parecen coincidentes na definición das causas e responsables da crise, e tamén nas críticas ás políticas desenvolvidas pola dereita para xestionala, pero son discordantes nas propostas de solución. Por iso, moitos preguntan si serán capaces de gobernar o a súa xestión común, de producirse, sería un tótum revolútum. De feito, o PP alude a estabilidade que aporta como partido e ao continuísmo na súa actual xestión como argumentos para repetir a súa maioría absoluta.

Os partidos actualmente na oposición, e as novas formacións que xurdiron nesta lexislatura, so tería acceso a San Caetano nunha sorte de pactos múltiples que os populares queren facer ver que sería un desgoberno de múltiples cabezas. Que hai de certo?

É incapaz o bloque de progresistas de montar un Goberno a dous, a tres ou a catro e ser operativo?

Foi o bipartito PSdeG-BNG unha proba de capacidade para facelo ou foino de incapacidade? Que sensación callou na cidadanía a este respecto?

De perder o poder a dereita sería capaz a esquerda de organizarse de xeito que as súas diferenzas de criterio en determinados temas pasen a segundo plano polo ben de Galicia?

No debate entre Pachi Vázquez (PSdeG-PSOE) e Jorquera (BNG) que emitiu a CRTVG quedou presente que ambos os dous candidatos tiñan claro que o último que desexaban mancarse publicamente. Fuxiron dos terreos que podían deixar ás claras as súas diferenzas, que son moitas, evitando o enfrontamento duro, por moito que algún dos seus votantes lles pedisen maior contundencia nas críticas entre si. Intelixentemente, non quixeron darlle carnaza a Núñez Feijóo para insistir nunha presunta incapacidade de camiñar da man nun mesmo Goberno. Evitaron pronunciar promesas que imposibilitasen, chegado o momento, alcanzar acordos para poder xestionar Galicia xuntos.

 Entre das preguntas que unha, como votante chamada a decidir sobre o futuro do seu pobo, considera diante do 21O destacaría as seguintes:

 

–      As propostas de austeridade de Feijóo son a receita correcta para sacar a Galicia desta crise?

 –      A sociedade galega quere pagar a o prezo que pide a troika para superar esta situación?

 –      Hai outras opcións para superar este terrible momento que nos está a tocar vivir?

–      Abondará o malestar cos recortes para desaloxar a Núñez Feijóo da Xunta?

 –      Serán as novas formacións quen de atraer votantes ou simplemente haberá transvasamento de votos entre partidos?

 –      Restarán Mario Conde ou UPyD votos ao PPdeG?

 Moitas son as incógnitas e difíciles darlles resposta. O certo é que se logo do 21O os populares seguen a gobernar na Xunta de Galicia, pese a que o voto maioritario sexa para opcións progresistas, o responsable non será o pobo, por moito que algúns teñan a tentación de culpalo e de dicir que foi “manipulado”, que non é “intelixente” ou que non pensou no “voto útil”. A verdadeira razón do triunfo da dereita, até o de agora, estivo na desunión, na división da esquerda, nun sistema electoral que non favorece aos pequenos, é, principalmente en que, non se enganen, ao PPdeG aválao unha chea de votos emitidos ao seu favor cada vez que @s galeg@s somos chamados ás urnas.

 Insisto: a pluralidade é a riqueza e a condena da esquerda. Aínda así, bendito pensamento crítico que nos fai cuestionar todo e a todos.

Advertisements