Deixei pasar varios días despois das eleccións para poñerme con este post, en parte por desgana e en parte para tratar de ter certa perspectiva sobre o papel que tivemos en Compromiso por Galicia (CxG). A vitoria de Feijoo a nivel electoral foi inapelable, as regras do xogo son as mesmas para todos e o Partido Popular foi, coma case sempre, quen mellor se adaptou. A realidade déixanos cunha maioría popular absolutamente fraguiana e unha oposición liderada por Beiras como gran referente, o mesmo que nos anos noventa do século pasado pero sen Fraga.

Mergullándonos un pouco nos datos podémonos decatar que nin tan sequera o PP se salva do desastre e perde nada menos que cen mil votos respecto a 2009. Certo que por mor da lei electoral e do desastre de oposición que tivo esta baixada vese totalmente minimizada pero mal farían os nacionalistas españois en pensar que non teñen problemas. Fronte a imaxe que quere dar a súa prensa afín (La Voz, ABC, La Razón…) da fortaleza do voto Popular en Galicia farían ben en decatarse de que, por mor da lei electoral que temos, van gobernar en maioría absoluta co apoio de só o 27% do censo electoral. Isto é, o 73% do cidadáns con dereito a votar non escolleu a Feijoo como Presidente do pais. O 73%.

A oposición está nunha situación mais lamentable aínda. Do papel do PSOE pouco vou comentar. Pelexados consigo mesmos e cun candidato dun nivel lamentable chegaron as eleccións derrotados. Pese a manterse como primeira forza da oposición, é coma se non existiran, non teñen proxecto para Galicia e parecen mas preocupados polas súas guerras internas que por presentar alternativas. Feijoo ten un proxecto. Facer todo o posible para limitar a autonomía axudando a que o control económico do pais se faga desde Madrid. O PSOE nin iso.

O BNG sufriu unha debacle absoluta e polas declaracións dos seus dirixentes estes días penso que seguen sen entender o que pasou. Escoitei declaracións que falaban dun problema de comunicación e de facerse entender, nada dicían da mensaxe. Moito teñen que reflexionar no Bloque, Galicia non pode quedar orfa do seu referente político pola esquerda porque corre o risco de desaparecer fagocitado polo PCE. Precisamente os comunistas de Cayo Lara son os grandes vencedores das eleccións. Un partido cunha presencia pouco mais que testimonial no pais, quitando algunhas comarcas, tivo uns espectaculares resultados grazas a súa intelixente alianza con Beiras. Nos poñemos os cartos, ti pos a cara e aproveitámonos da debacle das outras forzas para sacar nove deputados. E despois, que?.

Paso con isto a parte que me toca persoalmente. Os resultados que tivemos en Compromiso foron nefastos. Vémonos absolutamente superados pola polarización da campaña en torno a Beiras e Feijoo e non soubemos facer chegar a nosa mensaxe. A maiores tivemos erros organizativos graves que nos levaron a non poder desenrolar a campaña como estaba prevista. Inda así creo que foi un gran acerto presentarnos as eleccións en solitario. Por varios motivos. Primeiro porque dimos a coñecer a marca Compromiso. Certo que non somos recoñecidos pero a todo o mundo lle sona a marca e é un traballo feito. Xa non partimos de 0. En segundo lugar penso que acertamos porque non nos vimos devorados por Beiras e o PCE, que é o que nos pasaria se chegamos a entrar en AGE. Case case estou por darlle as grazas o veto da formacion de Cayo Lara. Si, é certo que probablemente de entrar acadariamos representacion parlamentaria, pero absolutamente diluidos noutra fronte de siglas. Esa historia xa a vivimos, co agravante de que neste caso estaria detras un partido tan alonxado do galeguismo como IU. Seria un estrano compañeiro de viaxe.

En resumo, pódese dicir que estamos na UCI pero vivos. O próximo día 16 de decembro afrontamos o Congreso Constituínte de Compromiso por Galicia coa vantaxe de que xa non somos descoñecidos. Temos un chan electoral do 1%. Agromou unha mínima estrutura sobre a que cimentar a organización e podemos afrontar as municipais de dentro de dous anos cos deberes feitos e sabendo quen e que somos. Todo isto é o que ten que quedar pechado no Congreso Constituínte para poder considerarnos unha realidade e plantexar unha opción distinta a sociedade.

Para rematar quero facer unha mención especial o traballo de Xoán Bascuas (@Xoan_Bascuas) o noso candidato a presidencia da Xunta e Secretario Xeral de Compromiso. O desgaste político que sufriu foi moi importante, sabendo que a única opción dalgún resultado positivo estaba en Ourense e Pontevedra recorreu o pais enteiro facendo un grandisimo traballo para asentar o proxecto.

Advertisements