Etiquetas

O ano pasado xa escribín algún post sobre a situación do Deportivo a nivel institucional. Concretamente en A xunta de accionistas do Deportivo e en Lendoiro e o Deportivo falaba do control absoluto que ten o presidente sobre o club. Estes dous últimos dias precipitáronse os acontecementos co embargo de Facenda e a solicitude de preconcurso presentada polo club (aínda que a Lendoiro non lle guste a palabra). A miña impresión é que a situación é moi grave, con risco de desaparición real, en gran parte causada pola xestión de Don Augusto a fronte da entidade. Sen embargo non deixa de sorprenderme, aínda que é unha constante, as ansias mesquiñas e ruíns coas que o Grupo Voz ataca o club. Vale. Moitos diredes que a quen atacan é a Lendoiro, é tedes razón. pero La Voz de Galicia vai facer todo o posible e mais por afundir o presidente. E se teñen que levar o Deportivo por diante vano facer sen remordementos. O embargo de facenda tamén ten cheiro de que os fíos do “ultimo editor independiente” como lle gusta facerse chamar o dono da Voz andan por detrás.

Segundo saíu estes dias nos xornais da cidade a execución do embargo levase desde a delegación de facenda en Galicia, cuxa dirección é un posto político, e todos sabemos que os políticos que mandan hoxe en Galicia e na cidade e o Grupo Voz retroalimentanse. Uns fan de ariete e de altofalante publicitario das políticas que leva a cabo o partido do goberno e este corresponden bañando a empresa en cartos públicos a modo de subvención. Débense moito uns os outros e parece que están empezando a cobrar os favores.

Con isto non quero exculpar, nin moito menos, o presidente do club. Non vou caer na autocomplaciencia de pensar que desta saímos coma sempre, ou que a situación non é tan grave. A xestión da entidade é responsabilidade súa e cando se chega a situación coma a actual hai que asumir responsabilidades. E debería decatarse que os odios que foi xerando o longo destes anos son os causantes da falta de apoios actuais. Pero a campaña ruín, noxenta e mesquiña que leva a cabo a Voz contra o presidente, sen entrar nin tan sequera a valorar o terrible dano que lle fan a entidade fai que, a dia de hoxe, Lendoiro teña todo o meu apoio e o do noventa por cento dos deportivistas que coñezo. O motivo é moi sinxelo. Todos somos conscientes de que ninguén vai mover un dedo polo club porque iso significaría darlle aire o presidente e o obxectivo é acabar con el.

Así que pola miña parte creo que hai que pechar filas en torno o Deportivo, apoiar o presidente para que chegue os acordos necesarios que permitan a viabilidade do Club e, cando se senten as bases para superar esta treboada perfecta, esixir responsabilidades.

Advertisements