Etiquetas

Estou a piques de rematar “O Inverno do mundo” a segunda novela da triloxía “The century” de Ken Follet. O gales trata nesta triloxía os grandes acontecementos do século XX, un dos mais apaixonantes e dramáticos da historia da humanidade.

Normalmente agardo a rematar o libro de turno para facer algún rascuño no blog pero esta vez vou saltar a norma. A historia é unha das miñas grandes paixóns e o período da II Guerra Mundial sempre foi dos meus favoritos. Coñecer os motivos polos que as sociedades da época caeron en mans de rexímenes totalitarios, os incribles apoios que recibiron son esenciais para tratar de entender moitos dos movementos actuais e é duro observar como hai certos patróns que se repiten como no caso de Amencer Dourado en Grecia ou a Fronte Nacional en Francia. No estado español, as súas características históricas propias fan que a herdanza do fascismo sexa un tema tabú aínda que se ven, cada dia con mais frecuencia, actitudes e posturas moi radicalizadas froito, para min, dos erros dunha suposta “transición” democrática que ben observada e coa perspectiva que da o tempo, non pasa dunha evolución e adaptación as novas regras do xogo internacionais do réxime ditatorial de Franco.

Pero estoume desviando do tema. Quédanme poucas follas da novela de Follet, unhas 80, pero a ambientación e recreación da época na que se desenrola a novela é, sinxelamente, xenial. Sobre todo no caso de Alemaña trata moi axeitadamente a través das historias entrelazadas das diversas personaxes a ascensión e afianzamento do nazismo e o horror de gran parte da sociedade alemana o ir descubrindo que o que o Führer ofrecía era moito mais terrible do que pensaban. Trata tamén de xeito moi acertado os horrores do outro gran réxime totalitario, o soviético, e os pasos que se foron dando para o artellamento dos dous grandes bloques da guerra fría, antes incluso de que rematara o conflito militar da segunda guerra mundial.

Asimesmo tamén toca con bastante acerto as extensións dos dous movementos polo mundo da man da guerra civil española e o movemento nazi de Inglaterra, aínda que non toca os importantes apoios do nazismo nos EEUU nin o movemento fascista italiano de Mussolini. Toca temas sociais de calado aínda hoxe en dia como a homosexualidade ou as relacións sexuais fora do matrimonio e sorprende ver as actitudes coas que se enfrontan estes dous temas desde as ópticas das distintas sociedades (inglesa, alemana, estadounidense, soviética…).

O mellor boto de menos unha aproximación mais profunda a parte do conflito que toca a China e Xapón pero en realidade sairíase moito da liña argumental e de personaxes trazada en “A Caída dos Xigantes” e, a fin de contas, é unha novela non un libro de historia

Advertisements