Etiquetas

Desde que escoitamos falar do restaurante Arbore da Veira tiñamos gañas de ir. Xestionado por Luís Veira, ex do Alborada, prometía unha boa experiencia e non defraudou en absoluto. O chef e o seu equipo propoñen dous menús dous menús con produtos de tempada que son toda unha experiencia. Decidímonos, aconsellados polo persoal, polo menú Raíz que se prolonga por case dúas horas de desfile gastronómico. Para o servizo de ceas din que sempre recomendan ese por o menú árbore (a outra pata do banco) pode ser demasiado longo.

A variedade de pratos é importante así que centrarémonos nos que mais nos gustaron. Comezamos cuns entrantes sinxelo de manteiga con po de anchoa, froitos secos caramelizados e unha falsa aceitouna que foi unha explosión de sabor na boca. Poren o mellor de todos foi unha crema de coliflor con xarda…a crema era dunha lixeireza impresionante e a xarda, pese a estar case crúa, era moi moi suave. Sorprendeume que escolleran xarda e non bacallau, moito mais tradicional para acompañar a coliflor. Cando rematamos a cea e estabamos co café achegouse o chef Veira para saber como fora todo e explicoume que como xa había varios pratos de bacallau optaron por outra especie. Xouba con pisto de tomate e pemento, bacallau con callos do mar ou bacallau o pil pil con mexillóns a prancha foron algunhas das seguintes delicias que probamos.

Cando deixamos os peixes e chegamos as cousas da terra atopámonos co que eles chaman A cereixa que caeu da árbore. Unha cereixa rechea de foie……impresionante combinación. Seguimos cun prato de cordeiro sobre cama de puré de pataca e cenoria. Como vedes a variedade de ingredientes, sabores e texturas e importante. O número de pratos tamén e considerable aínda que non se fai pesado en ningún momento, o ritmo co que van incorporando os pratos a degustación é lixeiro dando tempo a saborear perfectamente cada un deles.

Aquí deberiamos facer un alto para explicar unha cousa. Este tipo de restaurantes son como un show, un espectáculo. O cociñeiro fai unha representación, como se fora un desfile de modelos así que se o que te apetece é un sitio de entrantes, prato principal, postres, café, copa e puro o mellor non é o indicado. Hai que ir sabendo o que vas asistir e ollo, nin por asomo penses que vas saír con fame.

Nos postres chama a atención sobre todos os demais O Sol, unha sorte de bombón recheo de froita da paixón que se desfai na boca e a milfollas de crema, sorprendentemente lixeira.

Recoméndoo? Totalmente. Xa debica porque houbera algún restaurante así na cidade. Loxicamente non é para ir de xeito habitual, pero darse un capricho de cando en vez e desfrutar das creacións dun cociñeiro como Luís Veira paga a pena. Sen dubida

Advertisements