Etiquetas

Hoxe é 26 de abril. Data significativa no calendario de reivindicacións nacionais en Galicia. Hoxe hai 167 anos que foron fusilados doce dos sublevados que foron elevados a categoría de “mártires” no decálogo nacionalista. Poren, e pese a que historia sempre está suxeita a interpretación, penso que neste caso a data non debería ser de reivindicación galeguista. Ou polo menos non esa data. Explícome.

O contexto histórico sitúanos en abril de 1846, sendo monarca Isabel II en minoría de idade e baixo a rexencia do Xeneral Narvaez. Trece anos antes, en 1833 producirase a centralización do estado coa eliminación do Reino de Galicia e a división provincial de Javier de Burgos.

O 2 de Abril, sublevouse en Lugo o segundo batallón as ordes do Coronel Solis, nado en San Fernando (Cádiz), contra o Goberno de Narvaez disolven o Consello Provincial e a Deputación. Este levantamento non ten absolutamente ningún tinte galeguista ou tan sequera galego, mais ala de que se produciu no noso territorio. O levantamento era contra o Goberno pseudo ditatorial de Narvaez que viña recortando liberdades aproveitando a súa fortaleza cunha raíña en minoría de idade. Nos seus inicios non é, por tanto, un levantamento nacional galego.

Pouco a pouco vanse sumando novas localidades a sublevación e é aí cando esta revolta toma un cariz fondamente nacional. O movemento chamado “provincialista” que reclamaba a volta o Reino de Galicia como xeito de organización territorial para o pais apoia a sublevación e o 15 de abril proclamase en Compostela a reinstauración da Xunta Superior do Reino de Galicia e o aumento da autonomía desta chegando a reclamar un sistema tributario propio, cousa que aínda facemos en pleno século XXI.

Ante o cariz que toma o levantamento e ante a crecente posibilidade dun movemento secesionista Narvaez activa o estado de guerra e ordea a entrada en Galicia das tropas do Xeneral Gutierrez de la Concha que entablaron combate coas tropas dirixidas por Solis o 23 de abril na batalla de Cacheiras, preto de Compostela. A vitoria gobernamental foi absoluta e a sublevación rematou co saqueo de Compostela por parte das tropas do goberno español. Solis entregouse o mesmo dia e tres dias despois, o 26 foi pasado polas armas en Carral xunto con outros dez oficiais (penso que ningún deles galego pero non puiden confirmar o dato).

Polo tanto estes fusilados, aínda participes dun levantamento armado que rematou sendo de carácter nacionalista, non creo que deberan ser considerados “mártires por Galicia” porque dubido que fora a súa intención a defensa do pais. Aínda así, para os que tomen isto dos mártires de Carral como un invento “destos nacionalistas que se te inventan paises” indicar que xa en 1904 a Liga Galega da Coruña levantou un cruceiro co escudo de Galicia e unha lenda que di “Mártires da liberdade, mortos o 26 de abril de 1846”.

Polo tanto nunca entendín moi ben porque se tomou como data reivindicativa o 26 de abril tendo tan preto, por exemplo, o 15 de abril do mesmo ano coa reinstauración da Xunta do Reino contra o centralismo do goberno español ou o dia 23 do mesmo mes e ano data da batalla de Cacheiras e o saqueo de Compostela a mans das tropas españolas. Datas, para min, moito mais simbólicas da loita levada a cabo e dunha revolta galega que, se ben fracasou, asentou o forte movemento de reivindicación nacional que tivo lugar durante as décadas seguintes e que se vería paralizado e anulado case un século despois, sobre 1936.

Sempre defendín que historia lexitima a realidade nacional galega e as reivindicacións de Galicia como pais. Isto é unha mostra mais.

Advertisements