Cando hai uns anos (no 2006, creo) desde Galicia se pedira, de mans do BNG, que se aplicara en Galicia o fuso horario que nos corresponde xeograficamente todo foron titulares de prensa criticando os delirios “nacionalistas”, as chorradas e as invencións. A España parecíalle incrible que los galleguiños quixeran ter unha hora diferente, ainda que propia, da do imperio por moito que esta si que fora un desvarío aplicado por un ditador.

Para quen non o saiba, a hora centroeuropea asumiuse no estado español en 1940 de mans do ditador Francisco Franco para que España tivera a mesma franxa horaria que os seus aliados nazis e os territorios ocupados por estes. Este feito, como tantos outros da historia que ven da capital imperial, é dos que é mellor obviar. Para que explicar a cidadanía os motivos polos que o estado ten a franxa horaria que ten. En fin….

Volvendo o que importa, agardo que se aprobe o cambio. Dun xeito ou doutro o importante é que Galicia teña a franxa horaria que lle corresponde e recolla os beneficios económicos que isto conleva en forma, sobre todo, de aforro enerxético. Irónico nun país absolutamente excedentario en enerxía eléctrica, pero isto é outro tema.

Para rematar direi que doe ver como agora, porque o din desde Madrid, si que hai certo debate sobre os beneficios desta modificación. Será que cando se propuña desde aquí eran tolerías…
Se a vida real fora Matrix existiría un Morfeo que liberaría mentes e un Neo que lideraría a loita contra o inimigo que o controla todo. Pero non o é, e temos que empezar a espertar por nos mesmos ou quedaremos no limbo de matrix permanentemente.

#espertagalicia

Advertisements