Etiquetas

,

A mesma canción de sempre. A mesma situación de sempre. O mesmo trato de sempre e témome que, por desgraza, o mesmo resultado de sempre.

Galicia morre. Morre inexorablemente porque a están matando e porque ela se deixa morrer.

Estaa matando España. Ata hai uns lustros conformábase con mantela controlada, sen deixala desenrolar todo o seu potencial, que a pesar de tódalas trabas segue a ser tremendo. Poren agora España acelera o proceso de desmantelamento de todos e cada un dos sectores produtivos do Pais sendo o ultimo exemplo a tremenda situación dos mariñeiros do cerco na Coruña que supoñen preto de mil empregos, e que ven como lle reducen a niveis insignificantes as cotas de pesca dispoñibles para as súas embarcacións de dúas especies que supoñen boa parte dos seus ingresos a xarda e o xurelo.

Escusaranse en que a normativa ben da UE, cousa certa. Pero non é menos certo que o reparto faise desde Madrid. Un Madrid que seguindo as súas seculares tradicións terá a Galicia no punto de mira.
Por outra banda, estamos nos, a sociedade de Galicia, que aturamos todo con boa cara e un “bueno, é o que hai” na boca. Si, hai excepcións. Hai asociacións, colectivos e individuos que resisten contra todo isto, pero como bos galegos. É dicir, cada un polo seu lado e pelexando co veciño por sabe deus que motivos. Nin aprendemos, nin reaccionamos, nin queremos facelo.

Xoguemos a ficción. Collamos un dos grandes problemas que temos, calquera, o naval, a pesca, os incendios forestais….imaxinade por un intre que a maioría da sociedade colle conciencia desa situación e saen en masa as rúas e votan en consecuencia nas seguinte convocatoria electoral. Si, xa sei. O que pido xa pasou con “Nunca Mais” e con “Queremos galego”…e eu pregunto, valeu de algo?

Está visto que non prosperamos, que non melloramos, que sempre somos os primeiros en asumir. Pois eu u xa estou farto de España. Pero un só, ou uns centos ou miles, non fan nada.
Que quere a sociedade galega? Ser un territorio de terceira, con acento cantarín e onde veñan turistas de egggque, arsa y olé porque se come ben e somos moi simpáticos. Se é iso, parabéns. Xa o tedes acadado.

Se alguén quere futuro o camiño é outro. Erguerse, non calar, non poñer sempre a outra meixela e a cada mínimo agravio pegar un berro que faga que se pensen dúas veces antes de voltar a ningunearnos como país e sociedade.

Advertisements