Etiquetas

,

Curioso verdade. Galego de nacemento e de conciencia que nunca pisara Portugal para comprobares in situ iso que sabes e defendes como é a validez internacional do noso idioma no contexto da lusofonia internacional. Pois ben, nesta pasada Pascua puxemos solución a iso cunha viaxe a Porto. A capital do norte.

A cidade en si choca xa de primeiras porque cando un visita unha cidade cuxo centro histórico está declarado patrimonio da humanidade agarda un estado de conservación algo mais alto. A decadencia das rúas situadas entre a Sé e o barrio da ribeira é antolóxica. Porén, de seguida faste coa situación e xurde un encanto peculiar. Nos non somos dos que pasan o día exclusivamente nos sitios turísticos así que cando te pos a descubrir o Porto mais autóctono invádete unha sensación de proximidade como nunca tivera noutras cidades que visitamos.

Despois de Roma, Firenze, Pisa, Atenas, Siena ou Londres, Porto aparecía para nos como un destino menos cultural e si mais gastronómico. Trabucámonos no primeiro e acertamos no segundo. Sorprende a cidade coa espectacular situación da Sé, a Catedral, que se ben non é demasiado grande, fai un conxunto interesante xa que pasa polos tres grandes estilos arquitectónicos. De orixe románica, ten elementos de engadido barros e góticos. Ademais a súa privilexiada situación ofrécenos unhas marabillosas vistas da cidade.
A igrexa de San Francisco é outro dos monumentos que nos chamaron mais a atención. Primeiro pola beleza singular do seu teito recuberto (no seu tempo) de ouro. E segundo porque choca saber iso dunha igrexa franciscana o que empolicaría voto de pobreza. Non subimos a Torre dos Clérigos por mor das colas eternas para entrar pero a visita merecería a pena.

Poren de Porto o que mais me gustou (unha que eu me sei non dirá o mesmo XD) foi perdernos polas súas rúas, e buscar sitios onde comer de ambiente mais local e menos turístico.

Imprescindible A Tasquinha na Rúa do Carmo. A tope, mesas corridas e cociña clásica. Un Bacallau a Braga sinxelamente espectacular. Outra casa de comidas que merece a pena é O Marinheiro, fronte o Hotel Sagres. Difícil, pero que moi difícil, comer tan ben e tan barato. O Bacallau a Bras merece a pena de verdade. Falabavos antes da Torre dos Clerigos, xusto o lado hai unha tenda do mesmo nome (dos clerigos) que teñen unhas batatas de frango e uns bifés para morrer. Se estades cansos a media tarde ide por ai coller un. Resucitan.

Como en toda viaxe tamén hai erros. Deixámonos levar polas opinións vistas por aí é reservamos no Bull&Bear, un restaurante que está no edificio da Bolsa de Porto, na Avda. de Boavista e do que nos dixeron que era un TOP entre os restaurantes de moda. Erro monumental. Moi ben posto, moi fino, pero mal atendido e con cociña que non di absolutamente nada, ademais de caro.

Non deixedes de cruzar a ponte a Vila Nova de Gaia, as vistas de Porto desde a outra beira do río ben o merecen. E unha visita de turista de manual, as adegas de viño de Porto. Nos fomos a Offley e está ben. Son 3€, explícanche a historia da cave e danche a proba de dous viños

Do tema idiomático pouco hai que dicir. Cun mínimo de atención o falar cos tripeiros confirmamos o que xa sabiamos, hai un mundo ante nos. Salvo nos situos mais turisticos nos que te falan en español lles digas o que lles digas, no resto da cidade non hai necesidade ningunha de cambiar de idioma. O galego ben falado é necesario porque é útil, e sobre todo porque é noso e sitúanos no mundo. Non había necesidade de comprobalo, pero unha vez feito decátaste mais se cabe do que está en xogo. RAG e AGAL deberían ser unha, pero dubido que a sociedade estea preparada para algo así. A ignorancia é un mal moi estendido neste pais.

De volta fixemos unha parada estratexica en Braga. Cidade moi curriña cuxo casco vello lembroume irremediablemente a Compostela. Se quedades a comer, Mar de Sinos, na porta da Sé de Braga.

Por certo, tamén pasamos polo Dragão…..o que da de si un Club de fútbol con boas instalacións e ben xestionado. Non esquecemos esa Copa…#Voltaremos

 

Advertisements